O que foi de nós

Marco Valerio Lama


Escomenzou, coma todo, dun xeito anodino, absolutamente anodino.

Á nosa primeira filla, Ariadna, faltábanlle uns catro meses para vir a iste mundo, e eu adicaba todo o tempo libre que tiña ó sair do traballo para ir embalando a nosa vida, que saía, caixa tras caixa, camiño do piso no que nos acabábamos de hipotecar. Foi unha desas tardes, valeirando o moble do salón, cando atopei un sobre con fotos de hai moitos anos, cando eu aínda tiña pelo e a vida antollábase eterna. Decidido a facer unha pausa na inacabábel tarefa da mudanza, quitei as instantáneas do sobre e olleinas namentres un tenue sorriso esquinaba os meus beizos.

fotosA meirande parte delas eran instantáneas de pésima calidade dos anos da Universidade, de antigas amigas que nunca chegaron a nada serio, de festas nocturnas na casa dalgún descoñecido, de tardes de sol deitados na herba en lugar de asistir a clase e cousas semellantes; momentos intrascendentes que ficaron atrapados no papel como insectos doutras épocas conservados en ámbar.

Xa ía gardar as fotos, o peito rebulindo cun nó de nostalxia polo tempo pasado, por aquel brilo de xuventude que esmorecera fai anos no meu interior e fora substituido pola luminaria gris, sen brilo, da madurez; pola cotidianía aborregante da sucesión de xornadas na oficiña, producindo non se sabe moi ben qué, desexando fervorosamente no meu interior que o mundo enteiro reventase dunha vez; e entón, unha daquelas fotos, como movida con premeditación por unha prestidixitadora man, escorregou aceitosamente entre as outras e revoloteou cara o chan, onde se pousou, desafiante.

 

 

E alí estabamos os catro, fitando cara a mín dende o papel.

Os catro Xinetes do Apocalipse.

 

Os meus beizos aguzaron o sorriso cara as orellas, namentres ollaba aquela foto. Carlos, Paulino, Fernando e mais eu. Guerra, Peste, Morte e Fame. Repartíramonos os nomes dos Catro Xinetes sen unha razón concreta, aínda que penso que Carlos púxome o de Fame polo delgado que estaba daquelas. Vinte anos despois, o alcume xa non me cadraba moi ben: o meu ventre xurdía dun xeito escandaloso por sobre o cinto, coma se levase unha criatura extraterrestre rebulindo no interior, tentando saír afora; e baixo o mentón outrora recto e definido descolgábase cando menos un aro de graxa que me confería un aspecto de capón de Vilalba. Naquela foto, os catro levabamos as nosas regulamentarias chaquetas de coiro e posabamos orgullosos no cumio dunha pequena colina perto da Zapateira, mesmo na saída d´A Coruña, cunha espectacular posta de sol conferíndolle un tinte sanguento o ceo detrás de nós.

Durante uns minutos, o meu ollar ficou atrapado por aquela instantánea, e entón o momento voltou, coa intensidade dunha avalancha, a mín. Lembrei de súpeto aquela tarde, e a lembranza tornouse tan sólida, tan real a pesares do tempo transcurrido, que sentín cómo a carne do peito se separaba pola metade, desgarrada, e unha bágoa traidora despeñábase dende o meu lacrimal, impactando no papel xusto entre a reproducción do rostro de Carlos e o de Paulino.

Probablemente, aquela tarde atopábame mais sensíbel do habitual; de todos é sabido que rebulir no pasado fai aflorar a nostalxia, por iso odio as mudanzas, porque sempre rematas anímicamente destrozado. É incríble a cantidade de merdas que un vai xuntando ó longo dos anos: tickets de metro que te lembran unha viaxe a Madrid, entradas para ir ó cine con aquela rapaza a que deberías ter volto a chamar, carteis de concertos nos que remataches borracho e deitado nun portal namentres agardabas o primeiro tren da mañá para voltar a casa, tarxetas de entrada/saída dalgunha discoteca á que non terías que ter ido, unha papeleta dunha asignatura aprobada. . .E, o pior de todo: fotos, moitas fotos. Así, tras longos anos de confabulación, cando chega o momento de cambiar de casa, alí están todas esas minucias, agochadas nun caixón, preparadas para abaterse cruelmente sobre ti, e traer de volta o que fuches, o que nunca máis serás. Dende aquel rectángulo de quince centímetros por vinte que semellaba unha fiestra directa ó pasado, catro mozos petrificados ollaban o futuro co hieratismo dos faraóns. Naquel entón o mundo era novo, moi novo, e todos tiñamos tempo, tempo, todo o tempo do Universo para facer realidade os nosos soños…Mais o Tempo escorregou entre as nosas mans, desgranouse coma area nun reloxio, paseniño e sen pausa. ¿Qué foi daqueles soños grandilocuentes, en qué quedou todo vinte anos despois? Sentín un desexo fervoroso de que os outros tivesen un destino máis brilante, menos anodino que o meu, sepultado vivo como administrativo nunha oficina escura e vergoñenta.

Ás miñas costas, como unha voce procedente do Hades, escoitei á miña muller.

-          ¿Todo ben? - a súa man, lene coma as pegadas que deixa na neve un paxaro de inverno, pousouse no meu hombreiro, o xusto para rachar o enfeitizamento que me tiña atrapado.

-          Sí, supoño – respostei con voce estrangulada -. Púxenme un pouco melancólico.

 

Coa mesma gracilidade de antes, a súa man botou de novo a voar e colleu a foto.

 

-          Vaia pinta que tiñades, parecedes unha versión cutre dos Ramones – mofouse -.

-          Ei, ei, non te pases, xa quixeran os Mamones ises. Con iste look eramos o terror das mozas coruñesas.

-          Non o dubido nin un instante – voltou a rir -. O máis puro terror. Seguro que era vervos chegar e botaban todas a correr. En dirección contraria, claro.

Erguínme e fixen o aceno de darlle un azoute no cú, e ela fixo coma que escapaba aínda que no seu avanzado estado non podía facer movementos moi áxiles.

-          ¿Tés ganas de velos? – a súa expresión tornárase súbitamente seria. Eu enmudecín e baixei a ollada a foto. Pasaran tantos anos…O certo era que, coma sempre, quedaramos en chamarnos, en manter o contacto, mais as boas intencións morreran ós poucos días de nos separar, cando rematamos os anos dourados de estudantes e nos víramos na obriga de retornar ós nosos fogares. Carlos era de Ferrol, Paulino de Corme, e Fernando, se mal non lembro, era dalgunha vila na costa de Lugo, pode que Ribadeo. Coñecéramonos nas aulas e ó deixar as aulas nos separamos. Punto e final.

 

E agora, vinte anos despois, ¿tiña algún sentido tentar poñerse en contacto con iles, forzar un reencontro de almas longo tempo perdidas?

Mais, entón, denantes de que eu escomenzase un debate interno entre os pros e os contras, a miña muller pronunciou as verbas máxicas, que, coma sempre diciamos na Universidade, eran tres.

-          ¿Por qué non?

E así quedou decidido.

telefonoComo contabamos ternos mudado noutros quince días, e despois faltarían algo máis de tres meses para que chegase a pequena, quedei en que chamaría os meus amigos para organizar unha cea; unha noite tola n´A Coruña para emborracharnos e lembrar os bós momentos que ficaran atrás. De feito, dado a miña inminente paternidade, era posíbel que non tivese outra oportunidade de facer outra tolería en moito tempo, e así me animou ela.

O resto da semana pasou mais ou menos igual, e o sábado, cun bulir de excitación na caluga, decidinme por fin a ir chamando ós outros tres Xinetes do Apocalipse. Senteime no salón coa axenda no regazo, e chamei primeiro a Fernando. Tras uns segundos de espera, escoitei uns chasquidos na liña e logo unha locución que me informaba de que, na actualidade, non existía ningún aboado con aquel número. O certo era que agardaba algo así. Naqueles anos nos que mantivemos a nosa amizade, aínda non existían os teléfonos móbiles e o único número de contacto que poseía era o fixo da súa casa. Tamén lembraba que os seus pais eran bastante maiores, así que seguramente xa morreran anos atrás e, como Fernando tiña catro irmáns máis, tal vez venderan a casa ou, simplemente, deran de baixa o teléfono pola falla de uso.

Pero xa estaba preparado para os contratempos que me poidese atopar, así que collín a pestaña do “P” na axenda e marquei o número do Paulino.

Desta volta o teléfono soou e soou, pero ninguén o colleu. Os teléfonos fixos, ó contrario que os móbiles, soan e soan ata que colgas, non cortan a chamada en ningún momento, ou polo menos non a cortan no tempo prudencial de quince, vinte timbrazos, que un agarda. En fin, sendo positivos, e comparado co resultado da chamada a Fernando, aquilo era un avance. Paulino tal vez estivese fora, ou marchase de fin de semana, pero podía voltar a intentalo. Ademáis, estaba a chamar á casa da nai, de xeito que si él non vivía alí, tarde ou temprano podería falar con ela e que me dese o número de contacto.

Colguei o teléfono e busquei entón na pestaña do “C”, e tecleei o número de Carlos. Namentres escoitaba os primeiros tons da liña, matinei en que Carlos sempre fora bastante celoso dos outros, así que decidín que, si falaba con él, non lle diría que xa tiña chamado ó Paulino e o Fernando. Faría como que él era a miña primeira elección.

Perdido nistes pensamentos, non levaba a conta dos timbrazos do teléfono, polo que, de feito, non sei se pasaron moitos ou poucos ata que descolgaron e escoitei a familiar voce de Carlos marmurando “Diga”. Era unha voce máis vella, enronquecida pola vida, e posuía unha modulación lonxana, como repleta de estática, pero tratábase da mesma voce grave e inconfundíbel.

-          Son Fame – dixen, namentres unha pinga de emocionado suor baixaba rápida polas miñas costas -.

Houbo un silencio bastante prolongado, uns intres nos que maxinei escoitar os engranaxes do seu cerebro revolvéndose, decidindo se descifrar aquel acertixo ou colgar dunha vez.

-          Fame, Fame – dixo ó cabo -. Manda carallo. Moito tempo pasou, anos de máis.

-          ¡Ei, meu! – berrei, ó sentirme recoñecido – ¡Menuda sorpresa, ei!, ¿Cómo che vai?

-          Escoita, Fame, non é o momento. . .

-          Perdoa, meu – disculpeime - ¿Cóllote ocupado?

-          Non – dubidou. Había algo estraño na súa voce, un falar como entre dentes. Non sei por qué, pero imaxineino mirando constantemente atrás e un arrepío me sacudiu dende a punta dos pés -. Non pasa nada. Agora todo está ben. Rematou.

-          ¿Qué foi o que rematou? – inquerín. Non houbo resposta, só un espeso silencio no que puiden escoitar a súa respiración, profunda e rápida, como se rematase de chegar correndo de algures.

-          Escoita, Fame, non é bó momento – insistiu -.

-          Perdoa, meu – disculpeime de novo -. ¿Cándo te podo chamar para falar con algo de calma?

 

Silencio de novo.

 

-          Mira, moi rápidamente – solteime, pois non quería que me colgase -. Estou pensando en nos reunir os Catro Xinetes, unha noite tola n´A Coruña, ¿qué che parece?

 

O fío telefónico tróuxome unha risa aguda, desproporcionada, unha gargallada de malo de película.

-     Non  –  dixo-. Coido que non ha poder ser.

-    Bueno, meu, non ten que ser mañá – insistín, preparándome para rebatir os seus    argumentos -. Mira, o que vou facer é chamar ó Paulino e o Fernando e. . .

Aquela risa outra vez, aínda máis arrepiante.

-          Fame, Fame – reiterou -, non o entendes. Non entendes nada.

-          ¿Qué é o que teño que entender? – pronunciei estas palabras con medo, intuindo que estaba a piques de recibir unha revelación.

-          Escoita, Fame, non teño tempo – chasqueou a lingua, mais logo semellou reconsiderar a súa resposta -. Están mortos. Os dous. Paulino e Fernando. Mortos. Mortos. Mortos. ¿Entendes agora o que che digo?

Instintivamente, apartei o auricular da orella, coma se por aqueles ínfimos buratos xurdira un frío ártico, unha corrente xélida procedente de lugares que era mellor non visitar. Tras uns segundos para recuperar o ánimo, balbuceei:

-          Pero, ¿qué pasou?

-          ¿Importa agora iso? – mofouse -. Fai vinte anos que non falamos, Fame, ¿qué che importa agora todo iso? Accidentes, enfermidades, tanto ten. A xente nova tamén morre, aínda máis que os vellos. Pero dígocho eu, que lles fun o enterro: están mortos, mortos, todos mortos. Iso é o único que verdadeiramente importa.

-          Vale, meu, non tiña nin idea, síntoo. Se cadra debín manter o contacto.

-          Non te amoles agora, xa hai anos diso. Somos escravos das nosas decisións, ¿non dicías iso na Universidade? Ti decidiches desaparecer, rachar o contacto, non te fagas agora a Mater Dolorosa.

-          Escoita, Carlos, sei que non fixen ben, debín ter estado alí convosco, pero aínda podemos vernos ti e máis eu, ¿qué dis?

De novo aquela risa tremebunda, diríase a gargallada dun diaño.

-          Digo non, meu. Non é non que non quera verte, é que non é posíbel.

-          ¿E logo?, ¿cal é o problema?

Según pronunciei estas palabras, algo no meu interior berroume que non preguntase, mais xa era tarde. O corpo se me envarou, e sentín que ata o mesmo chan do salón se inclinaba, coma si se aprestase a empurrarme a un barranco. No outro lado da liña o silencio aumentaba, alcanzaba unha tonalidade imposíbel,verdadeiramente insostíbel. Sentín que aquel fío me comunicaba cunha parte do averno, cunha espantosa esquina da conciencia humana, e souben, denantes de que él falase, que non tería que ter chamado, pois aquel maldito cable telefónico desembocaba nunha sima máis profunda e escura que calquera abismo coñecido e que, no fondo máis fondo de él, atopábase o que outrora fora meu amigo.

-          Non hai problema algún, Fame – chegou a voce de Carlos, henchida de tebras ata o punto de case asomar como brétema, ou fume do Inferno, polos buratos do teléfono -. Agora todo rematou. Mateinas ás tres. Xa só quedo eu.

Toda a miña epidermis erizouse de súpeto e unha humidade mucosa anegoume os ollos e a pituitaria. Fiquei en silencio, incapaz de articular nada coherente nin de mover a man para colgar o teléfono. Soou un golpe tremendo do outro lado, como si alguén batese contra unha parede ou unha porta, e tamén puiden escoitar un vocerío imperioso. Iso debeume devolver o ánimo, porque dixen:

-          Carlos, Carlos, escóitame ben. ¿Qué estás dicindo?, ¿a quén mataches?

-          Á miña muller e ás miñas dúas fillas. Acabo de facelo. De feito, aínda teño o coitelo na man. Xa é casualidade que, tras vinte anos, chamaras xusto agora, ¿non sí? A vida é un chiste. . . - dixo algo máis, pero o estruendo ía aumentando e non o escoitei ben -.

-          Meu Deus, Carlos, ¿de qué estás a falar?, ¿qué é ise ruido?

-          Son iles, Fame. A Policía. Xa están aquí. Teño que deixarte. Voume rebanar o pescozo. Ai, meu, se me vises agora. . .

knifeE entón, como resposta as súas palabras, na miña mente iluminouse a escea que transcurría naquela casa ferrolá, e, traspasado de horror, maxinei a Carlos, cuberto de sangue dos pés a cabeza, rodeado dos cadáveres exangües da súa familia e aprestando xa o coitelo sobre o seu pescozo, namentres falaba calmosamente comigo. O sol que brilaba do outro lado da miña fiestra non semellaba real; a espantosa realidade, a verdadeira realidade, transcurría do outro lado do fío, e materializouse ante mín, coma se unha corrente arcana abrira de súpeto as portas do Inferno e me permitise botar unha ollada dentro.

O tempo esgotábase, xiraba sen control na miña cabeza, como auga que escorre polo fregadoiro, pero aínda saquei forzas para preguntar:

- ¿Por qué, meu?, ¿Por qué o fixeches?

Escoitei un ruido tremendo e pasos pesados e rápidos que se achegaban o teléfono. A porta da vivenda xa caera, mais Carlos aínda respostou:

-          Lembra, Fame, as tres palabras máxicas: ¿Por qué non?

 

 


 

o_que_foi_de_nos

Contacto

Si quieres contactar conmigo, escríbeme a mi correo.

info@marcovaleriolama.com

ineditor